Sistema de construción modular lixeira


Sistema de construción modular lixeiro que permite conformar estruturas de pequeno formato, cumprindo coas premisas de modularidade e simplicidade das súas partes constituíntes. Isto posibilita que o manexe persoal non especializado.

Estado de protección da tecnoloxía

Patente da Universidade da Coruña número 2 492 340, con número de solicitude 2015/00239; país de prioridade: España; data de prioridade: 07/03/2013; data de concesión 12/08/2015.

Que buscamos?

Dar a coñecer o sistema patentado para facilitar o seu traslado ao mercado nos diferentes ámbitos de aplicación.

Escola Técnica Superior de Arquitectura

Descrición

Sistema de construción modular lixeiro constituído por pezas de forma prismática ocas no seu interior, cun lateral aberto que permite a súa manipulación e montaxe. Como elemento máis significado salienta o nó que permite conectar todos os posibles elementos.
A sinxeleza do sistema e de cada un dos elementos fai que sexan de fácil manexo para o usuario, que non precisa maiores coñecementos para montalos ou desmontalos. O conxunto das pezas é recuperable.
As pezas elementais poden ter calquera lonxitude. Simplemente requiren perforacións orientadas nas zonas en que cómpre unilas con outro elemento transversal. Esta conexión realízase sempre cunha mesma peza ou nó, de configuración cúbica e oca, que tamén presenta unha das súas caras abertas. Grazas a isto pode colocarse o parafusame auxiliar que asegura a fixación.
A condición de baleiro das pezas permite aloxar o nó no seu interior, solución que permite unha maior limpeza e un maior axuste da unión. É así como se logra o control dimensional do conxunto.

Valores engadidos

A lixeireza dos elementos, sumada á súa sinxeleza, fai que incluso aquelas pezas de maior lonxitude sexan fáciles de manexar. Esta vantaxe permite reducir o número de operarios necesarios nas tarefas de montaxe e desmontaxe, amais de facilitar o transporte deste sistema.

O sistema resulta intuitivo debido á súa simplicidade, pois só conta con tres compoñentes: os elementos lineais ou barras, os nós e o parafusame, dun tipo e diámetro. Desta maneira non cómpre crear manuais ou dar instrucións complicadas para a súa montaxe, que pode ser doadamente resolta por calquera persoa sen especial preparación.

A modularidade e a diversidade das configuracións que posibilita son outras das vantaxes deste sistema. De feito, resulta imposible acoutar o número de configuracións que poderían conseguirse. Esta condición de modularidade queda tamén determinada pola posibilidade de ampliar ou desmontar unha parte sobre unha configuración inicial xa completada, sen por iso deixar sempre de poder recuperar de forma íntegra as partes compoñentes.




Aplicacións por sector

O destino preferente desta invención é o sector da construción e da enxeñaría civil, en tanto que se trata dun sistema que permite conformar calquera tipo de estrutura que persiga esixencias de carga baixas-medias.
Xorde inicialmente como medio para a xeración rápida e sinxela de sistemas estruturais para construcións de emerxencia que puidesen ser realizadas polos seus propios usuarios. Os requisitos de lixeireza, sinxeleza ou modularidade propios desta condición poden ser válidos igualmente para outros destinos vinculados a calquera actividade, entre outras, a industrial, que requira dun sistema estrutural con estas propiedades, para, por exemplo, conformar unha armazón válida para a almacenaxe, unha envolvente de protección dun espazo de traballo…


Construción e enxeñaría civil

Grupo de investigación

    • Grupo Estructuras Arquitectónicas
    • (GEA)

Responsable

  • Félix Leandro Suárez Riestra

Contacta con nós

Última actualización

2019-06-20