CURVAS: ferramenta para o cálculo automático da curvatura vascular.


CURVAS é un software para o campo da oftalmoloxía que se basea no tratamento de imaxes de retinógrafo. Permite obter de forma automática valores de curvatura vascular, unha variable ligada a alteracións na microcirculación, a partir dunha imaxe dixital do fondo do ollo.

Estado de protección da tecnoloxía

Rexistro de software.

Descrición

A estrutura deste software permite a súa integración de forma sinxela en módulos máis amplos de análise de imaxe a modo de paquete de servizos. Isto engade versatilidade e flexibilidade ao produto, que pode adaptarse así de maneira máis eficaz ás necesidades dos potenciais clientes.

Valores engadidos

A principal necesidade que cobre esta aplicación é a de ofrecer unha ferramenta automática ao especialista, que lle permita obter resultados de maneira moito máis eficiente e repetible. Ambas as propiedades son vitais no ámbito da medicina: a eficiencia permite analizar e procesar unha maior cantidade de datos en menos tempo mentres que a reprodutibilidade garante a coherencia dos resultados obtidos con independencia da persoa que procesase os datos e as súas circunstancias (momento de ánimo, fatiga etc.).

Aplicacións por sector

O mercado a que se dirixe o produto é o das empresas, as institucións e os profesionais que traballan no ámbito da saúde, en concreto médicos oftalmolóxicos e cardiovasculares, a cuxas tarefas afectan máis directamente os parámetros biomédicos analizados polo software CURVAS. Así mesmo, unha potencial fonte de cooperación atópase no sector do desenvolvemento de equipamento de imaxe médica (retinografía e OCT principalmente) e/ou software médico:

  1. A oferta de equipamento medico oftalmolóxico está concentrada en grandes empresas multinacionais ou que comercializan a nivel mundial, con sede principal nos Estados Unidos, Alemaña e o Xapón. De calquera xeito, hai radicadas en España empresas de certa relevancia dedicadas á distribución de todo tipo de equipamento médico que poden actuar de nexo entre clientes e compañías de hardware ou software médico.
  2. As compañías de software de xestión hospitalaria abundan, non así as que ofrecen outro tipo de produto menos estandarizado. O software para a diagnose a través do procesado de imaxes constitúe un nicho de mercado emerxente que parece contar con poucas e pequenas compañías no ámbito mundial.

En resumo, os potenciais clientes deste tipo de aplicación son os seguintes:

  1. Hospitais e centros de saúde
  2. Clínicas oftalmolóxicas e laboratorios
  3. Fabricantes de equipos oftalmolóxicos de imaxe dixital
  4. Fabricantes de software médico

Empresas distribuidoras de equipamento médico


Saúde e benestar

Grupo de investigación

    • Grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns
    • (VARPA)

Responsable

  • Manuel Francisco González Penedo
  • Marcos Ortega Hortas
  • Noelia Barreira Rodríguez
  • Beatriz Remeseiro Lopez
  • Jorge Novo Buján
  • Brais Cancela Barizo
  • Alba Fernández Arias
  • Luisa Sánchez Brea
  • Ana González López

Contacta con nós

Última actualización

2020-04-06