Enzimas de interese industrial
Catálogo de enzimas modificados xeneticamente e enzimas illados de ambientes termófilos para o seu uso na industria agroalimentaria, farmacéutica e medioambiental.
Estado de protección da tecnoloxía
Algúns dos enzimas dispoñibles no catálogo están baixo patente:
a) Esterasa termófila de Thermus thermophilus. Data de solicitude: 10/06/2009. Data de concesión: 15/09/2011. WO2009156532A1. PCT/ES2009/070215. Neste caso, o enzima está licenciado á empresa Proteos Biotech.
b) Lipasa termófila. Data de solicitude: 04/03/2009. Data de concesión: 03/01/2012. ES200900613A.
Que buscamos?
Búscanse empresas interesadas en probar os enzimas en contornos industriais reais e, en caso de supoñer unha mellora significativa, transferir e comercializar a tecnoloxía. Estamos abertos tamén a colaborar coas empresas para illar novos enzimas ou aplicar técnicas de evolución dirixida para adaptar os enzimas ás súas necesidades.
Centro de Investigacións Científicas Avanzadas. Facultade de Ciencias
Descrición
Ofrecemos un catálogo de diferentes enzimas que foron modificados xeneticamente para conseguir incrementar a súa termoestabilidade ou a súa efectividade en diferentes contornos industriais. Así mesmo, contamos con enzimas que foron illados de diversas fontes xeotermais e que presentan unha elevada termoestabilidade, ademais doutras características que os fan interesantes para diferentes usos. Entre outras aplicacións, cabe destacarmos a súa utilidade na síntese de prebióticos para a industria alimentaria; a produción de derivados lácteos deslactosados; a produción de azucres; a modificación dos ácidos graxos; a síntese de fármacos e tratamentos dalgunhas enfermidades; a industria cosmética e de perfumaría; a industria dos deterxentes; a industria do papel; a produción de biocombustibles; o tratamento de residuos lignocelulósicos…
Dispoñemos igualmente de metaxenotecas de fontes xeotermais de diversas orixes e a capacidade técnica para buscar, en caso de ser necesario e baixo demanda, outros enzimas de interese que permitan ampliar o catálogo dispoñible actualmente.
Valores engadidos
Moitas das reaccións industriais que se realizan arestora precisan de temperaturas elevadas e usan catalizadores químicos que poden ser agresivos para o medio. Substituílos por catalizadores biolóxicos que sexan estables a altas temperaturas favorece que a industria sexa máis respectuosa coa súa contorna ambiental. Alén disto, os biocatalizadores termoestables adoitan presentar unha maior resistencia á desnaturalización en presenza de solventes orgánicos, axentes caotrópicos e deterxentes, e, polo xeral, non requiren refrixeración para se manter en forma activa.
Os enzimas que se ofertan foron modificados para incrementar a súa termoestabilidade ou illados a partir de metaxenotecas de fontes xeotermais, polo que potencialmente resultan de interese para unha gran variedade de industrias. Temos, ademais, a capacidade técnica e o coñecemento necesario para illar, baixo demanda, outros enzimas diferentes aos dispoñibles a partir das metaxenotecas obtidas de augas termais; ou ben realizar, caso de ser necesario, unha evolución dirixida á carta dos enzimas para mellorar a súa eficiencia catalítica.
Aplicacións por sector
A batería de enzimas dispoñibles presenta múltiples usos en campos moi diversos, que van do alimentario ao ambiental, pasando polo sanitario:
a) Na industria alimentaria estes enzimas poden empregarse para a produción de prebióticos como os GOS ou os XOS, derivados lácteos sen lactosa, ésteres aromatizantes e do sabor, azucres como a tagatosa ou o xilitol…
b) Na industria farmacéutica se poden utilizar para resolver mesturas racémicas usadas na síntese de fármacos ou tratamentos para a enfermidade de Fabry, por exemplo.
c) Na industria cosmética e da perfumaría, teñen aplicación na produción de surfactantes e compostos responsables do aroma.
d) Na industria dos deterxentes empréganse como aditivos para a eliminación das manchas de aceites, proteínas, celulosa…
e) Algúns dos enzimas dispoñibles tamén teñen aplicacións na industria ambiental e o desenvolvemento sustentable, xa que poden usarse para a produción de biocombustibles, a degradación de biomasa lignocelulósica ou o tratamento de residuos.
Grupo de investigación
-
- Regulación da expresión xénica e aplicacións
- (EXPRELA)
Responsable
- Mª Isabel González Siso
- Mª Esperanza Cerdán Villanueva
- Manuel Becerra Fernández
- Mª Esther Rodríguez Belmonte
- Mónica Lamas Maceiras
- Ángel Vizoso Vázquez
- Aida Inés Barreiro Alonso
- María Eugenia de Castro de Antonio
- Juan José Escuder Rodríguez
Contacta con nós
-
-
Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación
Edificio de Servizos Centrais de Investigación
Campus de Elviña, s/n
15071 A Coruña
-
Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación
Última actualización
2019-06-19