Estruturas despregables de nós recíprocos


Sistema estrutural despregable conformado por un conxunto de barras articuladas e nós que permiten estealo sen a intervención de elementos auxiliares, e que o dotan asemade da necesaria estabilidade.

Estado de protección da tecnoloxía

Presentouse unha solicitude de patente en relación á devandita invención.

Que buscamos?

Neste momento a empresa Emsamble está colaborando no proxecto de investigación e amosou o seu interese polos resultados iniciais, mais sen que se concretase nada. Tamén se contactou coa Push Company, que igualmente se amosou interesada, sen que se alcanzase ningún acordo en firme.

Escola Técnica Superior de Arquitectura

Descrición

A invención consiste nunha estrutura despregable con nós que se estean nunha determinada fase da extensión, o que fixa a súa posición final e mellora a súa resistencia de forma considerable. Por outra parte, a devandita estrutura pode ser transportada en forma de paquete compacto de barras e despois aberta no punto de implantación final. Isto convértea nun sistema estrutural especialmente útil en edificacións de emerxencia, ámbito de traballo en que se circunscribe esta oferta tecnolóxica.

O desenvolvemento desta tecnoloxía foi posible grazas ao financiamento obtido no Programa estatal de investigación, desenvolvemento e innovación orientada aos retos da sociedade na convocatoria de 2016 (proxecto BIA2016-79459-R).

Valores engadidos

O principal problema das estruturas despregables son as súas fortes deformacións e os grandes esforzos que se producen no nó central. Até o momento as solucións empregadas foron pouco efectivas, ao requirir, por un lado, barras de grandes seccións, o que supón un desaproveitamento; e, polo outro, un sistema de bloqueo independente na zona de confluencia das barras para limitar a deformabilidade do conxunto.

A capacidade de interacción entre elementos que posibilita a solución que propomos permite que, no momento de esteala, a estrutura deixe de comportarse como un mecanismo. Conséguense, daquela, nós máis ríxidos, deformacións moito máis reducidas e menores esforzos nas barras, sen a necesidade de empregar elementos complementarios ou alleos ao propio sistema.

O resultado son estruturas máis lixeiras e resistentes, máis fáciles de transportar e despregar tamén, dada a extrema eficacia que se consegue en cada elemento grazas á condición de reciprocidade que posibilita a tecnoloxía.

Aplicacións por sector

O proxecto de investigación en que se enmarca este sistema refírese á rápida construción de edificacións en caso de catástrofe humanitaria, en que é imprescindible que as construcións que se erixan respondan a características como a facilidade de transporte, a sinxeleza de levantamento, a recuperación do sistema ou a versatilidade das solucións formais. En calquera caso, a nosa resulta unha solución adecuada para calquera necesidade dunha construción de carácter non permanente, polo que o seu campo de interese excede ó da construción de emerxencia inicialmente formulada.

Entendemos que o sector económico en que podería aplicarse o seu uso sería o da construción prefabricada, con destino a calquera tipo de estrutura-construción temporal. Así mesmo, en relación coas situacións de emerxencia ou catástrofe humanitaria, sería moi axeitado que os organismos públicos dispuxesen dun stock deste tipo de solucións para unha rápida e inmediata implantación no lugar requirido das estruturas que permitan atender os damnificados. Polas mesmas consideracións, tamén sería de interese para as organizacións de rápido auxilio como bombeiros, unidades militares de emerxencia etc., ou ONG.


Construción e enxeñaría civil

Grupo de investigación

    • Grupo de Estructuras Arquitectónicas
    • (GEA)

Responsable

  • Juan Pérez Valcárcel
  • Manuel Muñoz Vidal
  • Félix Suárez Riestra
  • Manuel Freire Tellado
  • Isaac López César
  • Santiago Muñiz Gómez
  • Emilio Mosquera Rey
  • Víctor Hermo Sánchez

Contacta con nós

Última actualización

2019-06-25