Etiqueta 4.0.
Dispositivo baseado nunha cadea de bloques (blockchain) que permite a monitorización, a identificación, o posicionamento e o control dun dispositivo, equipamento ou produto.
Estado de protección da tecnoloxía
Foi presentada unha solicitude de patente europea.
Que buscamos?
O vehículo de comercialización máis adecuado para esta tecnoloxía é outorgar licenzas da patente a fabricantes ou usuarios que requiran a monitorización, a identificación, o posicionamento e o control dun equipamento ou produto de forma descentralizada, aberta, segura, fiable e inmutable.
Descrición
A etiqueta 4.0 é un dispositivo de baixo consumo que serve para identificar, monitorizar a rastrexabilidade e amosar información sobre activos da industria 4.0. En concreto, posibilita coñecer e supervisar o seu estado e a súa localización, amais de mostrar os procesos en que están implicados dentro da cadea de subministración.
Grazas á súa pantalla, pode mostrar aos usuarios a información recibida. Así, o usuario pode ver sen usar papel ou outros dispositivos externos (teléfonos intelixentes ou tabletas) o contido de documentación relevante para o seu traballo de forma dinámica e instantánea (como o procedemento de instalación ou os parámetros de configuración), ou características intrínsecas do obxecto (por exemplo, a data de revisión dun dispositivo).
Alén de identificar obxectos, a etiqueta 4.0 contén un módulo de sensórica que pode captar información ambiental (como a humidade relativa ou a temperatura) ou parámetros que afectan ao dispositivo (movemento, presión, golpes, nivel de luminosidade etc.). Tamén permite activar actuadores (por exemplo, led) e pode ter premedores ou pancas de mando (joysticks) para os usuarios interactuaren coa propia etiqueta, de xeito que poidan consultar menús ou lanzar eventos específicos (por exemplo, unha alarma).
A etiqueta 4.0 admite o uso de diferentes tipos de cadeas de bloques (pública, privada ou federada) para consultar e transferir a información recollida entre os axentes implicados.
Valores engadidos
As principais vantaxes da etiqueta 4.0 son as seguintes:
- Garante a rastrexabilidade dos activos ao longo da súa vida útil, é dicir, coñecer a súa posición dentro da cadea de subministración. A etiqueta 4.0 permite abordar as principais limitacións dos sistemas de etiquetas actuais, como códigos de barras ou QR, etiquetas RFID ou electronic shelf labels (ESL). Ademais, as etiquetas 4.0 actualízanse de xeito dinámico, automático e remoto, polo que son reutilizables.
- Resistencia a ciberataques. As solucións actuais utilizan sistemas de almacenamento remoto (na nube, por exemplo) que proporcionan redundancia, mais cuxa xestión polo xeral depende de empresas externas que non son necesariamente fiables e que poden estar expostas a vulnerabilidades ou ataques cibernéticos.
A etiqueta 4.0 usa tecnoloxía tipo DLT (distributed ledger technology), en concreto, unha cadea de bloques, para almacenar datos (ou a proba destes), que se poden transferir de forma descentralizada, inmutable, aberta, segura e fiable entre entidades entre as que non hai confianza (xestores, aseguradoras, distribuidores etc.). Por outro lado, o emprego de contratos intelixentes (smart contracts), un código descentralizado autosuficiente, permite executar de forma autónoma distintos procesos de negocio e realizar determinadas accións no caso de que se produzan eventos determinados.
Aplicacións por sector
A etiqueta 4.0 pode aplicarse a un amplo número de sectores (saúde, infraestruturas críticas e industria, entre outros), xa que é de utilización transversal en todos aqueles que necesiten o seguimento dalgún tipo de equipamento ou produto suxeito ás seguintes condicións:
- Alta mobilidade: equipamento que é difícil de localizar para o persoal. Ademais, a etiqueta 4.0 facilita a xestión do inventario crítico e minimiza a perda ou o roubo deste.
- Requisitos ambientais obrigatorios: equipamento ou produtos para os cales é necesario asegurar certas condicións ambientais (temperatura específica, grao de humidade, niveis de CO2 ou calidade do aire).
- Monitorización de parámetros externos: equipos en que resulta importante saber se foron afectados por algún factor externo (como golpes ou riscos químicos).
- Información da rastrexabilidade ao longo da vida útil do equipamento, que será almacenada de forma inmutable e segura para intercambiarse con entidades interesadas (aseguradoras, distribuidoras, prevención de riscos laborais etc.).
A etiqueta 4.0 facilita a interacción do persoal (por exemplo, pacientes ou operarios) co equipamento, ao permitir:
- engadir visualmente de forma intuitiva nun monitor ou unha pantalla características específicas do equipamento, cunha información que pode actualizarse automaticamente;
- amosar documentación importante para o seu uso (axuda á instalación, axuda na operativa diaria ou asistencia de mantemento, por exemplo);
- lanzar eventos ou avisos ao persoal;
- actuar sobre un botón de pánico no caso de emerxencia.
Grupo de investigación
-
- Grupo de Tecnoloxía Electrónica e Comunicacións (GTEC)
Responsable
- Fernández Caramés, Tiago Manuel
- Fraga Lamas, Paula
Contacta con nós
-
-
Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación
Edificio de Servizos Centrais de Investigación
Campus de Elviña, s/n
15071 A Coruña
-
Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación
Última actualización
2020-01-21