Planta de compresión con conversión de enerxía residual en potencia eléctrica e refrixeración.
Planta térmica para o aproveitamento da calor residual procedente de varias fontes nunha unidade de separación da calor (ASU), a produción de enerxía eléctrica, a xeración de potencia frigorífica e o aproveitamento termodinámico selectivo desta na instalación crioxénica.
Estado de protección da tecnoloxía
Patente da Universidade da Coruña número ES2736963, con número de solicitude 201800160; país de prioridade: España; data de prioridade: 03/07/2018; data de concesión 23/06/2021.
Que buscamos?
Dar a coñecer o sistema patentado a empresas do sector da separación de aire e da crioxenia en xeral de cara a lograr o aproveitamento de enerxía residual mediante a súa implementación nas instalacións do dito sector.
Descrición
Trátase de reutilizar a enerxía de baixa temperatura nas principais fontes dentro do sistema de separación de aire mediante un ciclo de absorción. A enerxía así recollida transfórmase en potencia eléctrica ou potencia frigorífica. A potencia eléctrica pódese exportar á rede xeral ou ser reempregada na propia instalación ASU. A potencia frigorífica úsase para refrixerar auga. Esta auga refrixerada utilízase selectivamente en diversos puntos da instalación principal co obxecto de mellorar do punto de vista termodinámico o proceso, aforrar enerxía e reducir o consumo específico.
Valores engadidos
- Diminúe de xeito efectivo o consumo eléctrico das instalacións de tipo ASU e, por tanto, os custos de explotación. Maximiza así os beneficios destas instalacións.
- Este sistema é polivalente en canto ao xeito de reverter a enerxía recuperada. Recupera a calor residual de procesos termodinámicos agresivos (principalmente compresións, é dicir, os maiores sumidoiros de enerxía típicos nas ASU, pero non de xeito exclusivo) mediante un ciclo por absorción modificado, de maneira que existe unha produción de enerxía eléctrica que reduce o consumo da propia ASU ou pode ser exportada á rede de subministración. Ademais, o frío industrial xerado aplícase estratexicamente dentro da ASU para diminuír a necesidade de consumo eléctrico.
- A súa versatilidade permite explotar custos variables do mercado eléctrico.
- A súa versatilidade permite adaptarse ás variacións de produción, produtos finais e carga típicos das instalacións crioxénicas de aire.
- A recuperación da calor residual non é un concepto novo. É a adaptación do sistema de absorción para facelo dual, a visión dun aproveitamento global dentro das ASU e a mellora selectiva dos semiprocesos termodinámicos mediante o sistema de produción de frío o que fai atractiva esta tecnoloxía.
Aplicacións por sector
Sector da cultura e a educación
Universidades ou institucións con liñas de investigación ou estudos no ámbito tratado ou no da recuperación de enerxía residual.
Sector da enerxía e o desenvolvemento sustentable
- No sector enerxético, empresas de xeración que desexen diversificar fontes de explotación mediante o aproveitamento de enerxía residual para logo vertela á rede nacional.
- A elevada redución do consumo eléctrico ao aplicar estas melloras contribúe á diminución das emisións de CO2, achéganos á economía circular e beneficia a todas as partes.
Sector da produción industrial
- Compañías de xeración de gases industriais procedentes do aire mediante destilación crioxénica. Amplo sector con gran presenza en todos os mercados obxectivo (principalmente China, Oriente Medio e os Estados Unidos, alén dalgúns mercados europeos). Calquera empresa de enxeñaría con experiencia na destilación crioxénica pode facerse cargo da aplicación desta patente.
- Empresas con instalacións de destilación crioxénica como plantas auxiliares non explotadas por elas mesmas (por exemplo, refinerías).
- Empresas de deseño ou explotación de instalacións crioxénicas de destilación de aire.
- Moitas instalacións terrestres presentan fontes de enerxía residual que poderían adoptar perfectamente esta solución con variacións na aplicación da capacidade de refrixeración.
Sector naval
- Todas as instalacións do tipo LNG-LPG, tanto en buques como en terra, teñen moitas posibilidades de integración de procesos (PI) coas ASU, polo que son candidatas perfectas para aplicar esta mellora.
- Moitas instalacións navais presentan fontes de enerxía residual que perfectamente poden adoptar esta solución con variacións na aplicación da capacidade de refrixeración.
Grupo de investigación
-
- Enxeñaría Enerxética (INGEN)
Responsable
- Daniel Blanco Mantiñán
- Javier Romero Gómez
- Manuel Romero Gómez
- Álvaro Baaliña Insua
Contacta con nós
-
-
Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación
Edificio de Servizos Centrais de Investigación
Campus de Elviña, s/n
15071 A Coruña
-
Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación
Última actualización
2023-02-07