Sistema calefactor e refrixerador barocalórico en ciclo pechado, procedementos de control do devandito sistema e, así mesmo, controladores e programas informáticos para realizar tales procedementos de control.
Sistema que pode ser empregado como bomba de calor ou como refrixerador. Aproveita o comportamento de certos materiais fronte a cambios de presión (efecto barocalórico).
Estado de protección da tecnoloxía
Solicitude de patente nacional no ano 2019.
Que buscamos?
Búscanse socios tecnolóxicos e comerciais para desenvolver e comercializar a tecnoloxía.
Descrición
Invención dun sistema calefactor e refrixerador que aproveita o comportamento de certos materiais fronte a cambios de presión (efecto barocalórico), mediante un ciclo pechado, de funcionamento continuo. A través dun fluído caloportador verifícanse procesos de transferencia de calor en intercambiadores/rexeneradores activos que contan con material barocalórico, e en intercambiadores que actúan como foco frío e quente do ciclo. Tamén se proporcionan procedementos de control do devandito sistema calefactor e refrixerador, xunto cos controladores e programas informáticos correspondentes.
En maior detalle, o sistema está constituído por un circuíto fluídico, unha unidade de presión e unidades operativas que inclúen dous intercambiadores activos barocalóricos, un foco calefactor e un foco refrixerador. O circuíto fluídico fai que un fluído caloportador circule entre e polas unidades operativas. Cada intercambiador alberga material barocalórico para que o fluído caloportador absorba calor do material barocalórico baixo presurización ou ceda calor ao material barocalórico baixo despresurización. A unidade de presión produce a presurización e a despresurización mencionadas.
O foco calefactor fai que o fluído caloportador, que absorbeu calor nun dos intercambiadores en fase de presurización, circule quentando o seu contorno. O foco refrixerador fai que o fluído caloportador, que cedeu calor nun dos intercambiadores en fase de despresurización, circule arrefriando o seu contorno. O sistema de control permite o efecto continuo de quentamento e arrefriamento mediante a presurización e despresurización dos intercambiadores, así como o adecuado direccionamento do fluído caloportador a través de válvulas de control.
(1) Foco frío. (2) Bomba de circulación. (3), (5), (9), (7) Válvulas de control. (4), (8) Intercambiadores/rexeneradores activos barocalóricos (ABR). (6) Foco quente. (10) Sistema de presurización/despresurización.
Valores engadidos
Representa unha alternativa, dentro dos sistemas de refrixeración e climatización, aos fluídos frigoríxenos de elevado potencial de quentamento global (GWP) e de esgotamento de ozono (ODP). Na actualidade están a empregarse diversos fluídos caloportadores con menores índices GWP e ODP, mais que implican parámetros de funcionamento, toxicidade e eficiencia que non resultan óptimos.
Este resultado proporciona a substitución dos ciclos convencionais de compresión de vapor ou absorción por un sistema que aproveita o efecto barocalórico de certos materiais, e que permite o emprego de fluídos caloportadores non contaminantes, que non comportan problemas medioambientalis e que ademais son de reducido custo.
Aplicacións por sector
Esta tecnoloxía ten aplicación nos sectores do frío industrial, comercial e doméstico.
Grupo de investigación
-
- Enxeñaría Enerxética (INGEN)
Responsable
- Álvaro Baaliña Insua
- Javier Romero Gómez
- Manuel Romero Gómez
- José Carbia Carril
- Rafael Santos Couceiro
Contacta con nós
-
-
Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación
Edificio de Servizos Centrais de Investigación
Campus de Elviña, s/n
15071 A Coruña
-
Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación
Última actualización
2020-01-22