Sistema de broca con bielas articuladas para executar ancheamentos puntuais no interior de furos
Ferramenta para facer ancheamentos puntuais no interior de pretradeados rectos. Configurable para proporcionar diferentes formas de ancheamento, en diferentes posicións, ao longo do pretradeado.
Estado de protección da tecnoloxía
Patente da Universidade da Coruña número ES2301321B1, con número de solicitude 200503133; país de prioridade: España; data de prioridade: 21/12/2005; data de concesión 10/02/2009.
Que buscamos?
Búscanse empresas interesadas na aplicación e difusión desta tecnoloxía, así como no perfeccionamento dos prototipos xa realizados.
Escola Técnica Superior de Arquitectura
Descrición
A invención é unha broca para executar ancheamentos en furos, especialmente pensada para crear sistemas de ancoraxe de barras en elementos de madeira, que está formada por dous ou máis pares de coitelas conectadas entre si mediante articulacións. Emprégase en furos rectos cegos realizados previamente cun berbequí ou outra ferramenta convencional. Co accionamento da broca e a presión sobre o fondo do pretradeado, o sistema de articulacións orixina unha apertura progresiva dos pares de coitelas, de forma que se xera un ancheamento do furo recto. Tamén pode accionarse cunha trade convencional.
A forma e a sección das coitelas poden adoptar diferentes configuracións, as cales darán lugar a diferentes solucións xeométricas do ancheamento. Así mesmo, pode fixarse á broca un elemento adicional que actúa a modo de tope ou referencia, e que, de forma sinxela, posibilita executar o ancheamento en diferentes posicións ao longo do pretradeado recto (desde o extremo interior, en caso de utilizar a broca sen accesorio, até o extremo exterior do pretradeado). Coa mesma ferramenta, variando a lonxitude do accesorio, poden realizarse furos sucesivos ao longo dun mesmo furo.
Valores engadidos
Os sistemas de unións con barras encoladas constitúen un sistema eficiente para a transmisión de esforzos elevados en estruturas de madeira. No obstante, a súa capacidade está condicionada por diversos factores: lonxitude da ancoraxe, diámetro do furo etc., que, pola súa vez, dependen das dimensións das pezas de madeira.
Unha das alternativas formuladas para mellorar a capacidade das unións efectuadas con esta tecnoloxía foi o uso de bulbos adhesivos. Estes bulbos confórmanse a partir do ancheamento puntual de pretradeados rectos. Posteriormente, o conxunto énchese cun adhesivo estrutural e insírense as barras, de menor diámetro que o furo recto. A existencia dos bulbos incrementa o bloque de cortante con que traballa a madeira, e, xa que logo, aumenta a resistencia final das unións. Poden facerse tamén diversos ancheamentos ao longo dun mesmo furo, o que limita as solicitacións en cada un dos bulbos e mellora aínda máis a capacidade das unións.
As ferramentas existentes no mercado para realizar, por exemplo, ancheamentos en ancoraxes de formigón non son aplicables á madeira pola súa limitada capacidade fronte a esforzos de fendedura.
Outra información de interese:
A tecnoloxía descrita para a ancoraxe de barras encoladas usando un ou varios bulbos adhesivos foi estudada experimentalmente e recoñecida con dúas patentes de investigación («Sistema de fixación de barras en madeira mediante bulbo adhesivo» e «Sistema de ancoraxe de barras encoladas en elementos de madeira mediante furos con ancheamentos múltiples»). Pode obterse máis información na páxina web: http://investigacion.udc.es/gl/Research/Details/G000399
Aplicacións por sector
O destino preferente desta broca é o sector da construción, en especial no campo das estruturas de madeira. Xunto co sistema descrito de ancheamentos simples ou múltiples permite realizar unións con barras encoladas en madeira de elevada resistencia, con lonxitudes de ancoraxe reducidas. A súa facilidade de uso, acoplada a unha trade convencional, e a súa versatilidade, xa que posibilita obter diferentes xeometrías e localizacións de ancheamento ao longo da unión, convértena nunha ferramenta que pode utilizarse con facilidade tanto en obra nova como en obras de rehabilitación ou de consolidación de estruturas existentes.
Grupo de investigación
-
- Grupo de Estructuras Arquitectónicas
- (GEA)
Responsable
- Javier Estévez Cimadevila
- Emilio Martín Gutiérrez
- Dolores Otero Chans
Contacta con nós
-
-
Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación
Edificio de Servizos Centrais de Investigación
Campus de Elviña, s/n
15071 A Coruña
-
Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación
Última actualización
2019-06-20