SMARE: Sistema integrado para a avaliación e monitorización dos recursos pesqueiros e marisqueiros
Sistema integrado para avaliar as existencias de recursos pesqueiros e monitorizar a súa explotación. Integra información biolóxica do recurso concreto, o coñecemento dos profesionais e o emprego de TIC compatibles coa actividade de pescadores, técnicos e xestores da pesca, de tal forma que mellora a cantidade e a calidade dos datos e facilita a súa análise.
Estado de protección da tecnoloxía
Tecnoloxía con patente ES2685331, concedida o 17/04/2019.
Que buscamos?
A tecnoloxía desenvolvida é transferible tanto a empresas como a organizacións de pescadores e á Administración, xa sexa de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional.
Facultad de Ciencias
Descrición
A avaliación dos stocks de recursos pesqueiros e a monitorización da súa explotación, aspectos chave para a xestión e a sustentabilidade deste sector, requiren conseguir e analizar grandes volumes de datos, amais de demandar medidas de mellora. Para responder a estas necesidades, creamos un sistema integrado baseado en información biolóxica do recurso específico, o coñecemento dos profesionais e o emprego de TIC compatibles coa actividade de pescadores, técnicos e xestores da pesca.
Esta ferramenta permite obter automaticamente información xeorreferenciada sobre o estado dos stocks, a súa produción e o esforzo de pesca realizado para obtela. A información envíase de maneira telemática a unha base de datos centralizada para traballaren sobre ela os técnicos e xestores pesqueiros mediante unha sinxela aplicación web. O sistema mellora a cantidade e a calidade da información que permite coñecer o estado das existencias, e permitirá deseñar modelos preditivos para a toma de decisións e a elaboración de plans de explotación.
Esta tecnoloxía é totalmente adaptable a multitude de recursos pesqueiros e marisqueiros, ou mesmo da acuicultura, a diferentes escalas de produción e diferentes modelos de xestión. Tamén se pode adaptar para traballar con organismos non sometidos a explotación comercial.
Valores engadidos
A diferenza da tecnoloxía existente, este sistema permite obter automaticamente información sobre a actividade pesqueira, os talles e o peso das capturas de forma individualizada. Non existe ningún sistema TIC que permita integrar e analizar información de alto valor para estimar o estado e as características destes stocks, e a variación que poden experimentar coa explotación.
Intégrase información de diferentes bases de datos sobre a avaliación de existencias e a monitorización de capturas, así como diferentes relacións matemáticas sobre procesos biolóxicos, como o crecemento e a fecundidade, a que se incorporan os algoritmos necesarios para coñecer o estado dos stocks en cada momento e a súa evolución en función do grao de explotación do recurso.
Aplicacións por sector
No ámbito da acuicultura e a pesca, serve para se aplicar en aspectos de administración e xestión de recursos, tanto no eido da gobernación como no empresarial, no sector pesqueiro e marisqueiro, xa que permite coñecer o estado das existencias de recursos nun sentido amplo, o seu potencial de produción, o esforzo de pesca realizado para as capturas obtidas e o nivel de resiliencia ante diferentes escenarios de intensidade de pesca.
No tocante ao medio ambiente, na medida en que pode contribuír á explotación sustentable dos recursos pesqueiros e marisqueiros, evita a redución excesiva destas poboacións, ao tempo que permite o mantemento das interaccións entre organismos explotados e non explotados comercialmente e, en definitiva, o equilibrio medioambiental.
En relación co anterior, é de potencial aplicación na xestión de espazos naturais, para caracterizar a diversidade espacial, dimensionar os diferentes hábitats e estudar as poboacións de organismos que albergan en termos de abundancia, estrutura de talles, crecemento, potencial reprodutivo, recrutamento etc.
Grupo de investigación
-
- Recursos Bentónicos Marinos
- (RBM)
-
- Laboratorio de Bases de Datos
- (LBD)
-
- Grupo de Visión Artificial y Reconocimiento de Patrones
- (VARPA)
Responsable
- Luis José Fernández Rodríguez
- Ignacio Alborés Blanes
- Patricia Verisimo Amor
- José Ramón Paramá Gabia
- Marcos Ortega Hortas
Contacta con nós
-
-
Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación
Edificio de Servizos Centrais de Investigación
Campus de Elviña, s/n
15071 A Coruña
-
Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación
Última actualización
2019-07-15