Curmecett: Procedemento, dispositivo de control e programa informático para o curado dunha peza de compósito (resina sintética)


A tecnoloxía permite o curado óptimo por medio do efecto Joule, cun control integral da temperatura, de pezas de compósito (resina sintética). É unha alternativa moito máis eficiente desde o punto de vista enerxético que calquera sistema de quentamento externo.

Estado de protección da tecnoloxía

Solicitude de patente co número P201831216, do 14 de decembro de 2018.

Que buscamos?

Preténdese conseguir a explotación industrial desta tecnoloxía, pois trátase dun investimento moi interesante para a empresa que a adquira. A intención é dirixirse a empresas que poidan explotar a patente e/ou que negocian con patentes tecnolóxicas.

Búscanse fabricantes de compoñentes de compósitos.

Escola Politécnica Superior. Centro de Investicacións Tecnolóxicas

Descrición

Procedemento de curado por medio do efecto Joule, cun control da temperatura simultáneo na totalidade ou gran parte da superficie da peza, indicado para compósitos con fibras condutoras. Realízase mediante un programa informático, unha ou varias cámaras termográficas, unha fonte de corrente eléctrica continua ou alterna e un deseño que permita unha distribución adecuada das fibras condutoras na resina, para conectar electricamente esas fibras fóra dela.

A correcta distribución da enerxía a través dos feixes de fibras permite obter unha distribución espacial de temperaturas uniforme dentro dun rango determinado, e, por tanto, seguir con precisión, asemade en todas as partes da peza, un programa de temperaturas. Trátase dun procedemento aplicable sempre que a superficie, ou unha parte importante da superficie, sexa observable mediante cámaras termográficas.

Valores engadidos

Até o momento, o curado de compósitos por aplicación do efecto Joule non se ten utilizado industrialmente de forma xeneralizada porque presenta moitos problemas á hora de controlar a temperatura en toda a masa, o que produce múltiples defectos: graos de curado distintos segundo as zonas, rechupes, deformacións, empenamentos e defectos superficiais das pezas moldeadas.

Curmecett (procedemento, dispositivo de control e programa informático) permite solucionar os problemas descritos, ao minimizar as diferenzas de temperatura dentro da resina durante todo o ciclo de curado. De feito, evita os sobrequecementos locais e as degradacións do material durante o proceso, até o punto de que posibilita empregar o efecto Joule para conseguir un curado óptimo. Obtense, así, un material de maior calidade en menos tempo.

Ademais é unha alternativa ás autoclaves, ou calquera outro sistema de quentamento externo, moito máis eficiente canto ao gasto de enerxía.

Aplicacións por sector

Esta tecnoloxía pode aplicarse en todos aqueles sectores en que se usen compósitos reforzados con fibras electricamente condutoras: aeronáutico, automoción, enerxía eólica (aeroxeradores), construción naval, mobiliario etc.

Na práctica a fibra condutora máis utilizada en resinas compostas é a fibra de carbono.

A invención ten maior interese canto maior sexa a cantidade de compósito que se desexe fabricar.


Construción e enxeñaría civil
Enerxía e desenvolvemento sostible
Medio ambiente
Produción industrial
Sector naval
TIC

Grupo de investigación

    • Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais
    • (PROTERM)

Responsable

  • Ramón Pedro Artiaga Díaz
  • Jorge José López Beceiro
  • Enrique Fernández Pérez
  • Silvia Gómez Barreiro

Contacta con nós

Última actualización

2019-07-16