Universo Cantigas


Edición das cantigas medievais galego-portuguesas para o seu coñecemento e utilización por parte das persoas, institucións e/ou empresas interesadas.

Estado de protección da tecnoloxía

Universo Cantigas ten atribuído o ISSN 2605-1273, e acóllese, ademais, á  licenza Creative Commons “Recoñecemento – Non comercial – Compartir igual” ou by-nc-sa

Que buscamos?

Búscanse empresas do sector cultural, editorial e turístico interesadas en aproveitar e utilizar os textos e a información ofrecida no Universo Cantigas.

Facultade de Filoloxía

Descrición

Universo Cantigas é un banco de datos con plataforma web que contén a edición crítica dixital dos textos que integran a lírica profana galego-portuguesa (con final previsto en 2025). Para iso foi deseñada por unha empresa informática un banco de datos que ofrece soporte para o almacenamento estruturado de toda a información, xunto cunha aplicación web de xestión e explotación da información da base de datos, que é a parte visíbel a que se accede a través da Internet (http://universocantigas.gal).

O deseño e a implementación da base de datos á medida e cun nivel de granularidade tan alto fai que ofreza unhas capacidades practicamente ilimitadas para a explotación da información. Neste sentido, Universo Cantigas, alén de ofrecer a edición crítica de cada cantiga cun aparato crítico (que recolle a identificación do texto, manuscritos, edicións, variantes manuscritas, variantes editoriais, paráfrase, métrica e notas), ten a posibilidade de acrecentar información con múltiplos materiais concorrentes de grande interese: acceso ás imaxes dos manuscritos, transcricións paleográficas, reprodución de edicións históricas etc.

Universo Cantigas integrou o glosario de toda a lírica (realizado entre 2010 e 2015 e publicado en http://glossa.gal), feito que permite a consulta e intercambio automático entre texto e glosario, e viceversa.

Valores engadidos

Universo Cantigas concíbese como unha empresa global que pon ao acceso público, en sucesivas fases, todas as cantigas dos trobadores medievais (1.666 composicións), con todas as posibilidades que ofrece o traballo na rede: actualización constante, ausencia de límites de espazo, posibilidade de crecemento e expansión con novos elementos e capacidade de enlace a diversos materiais perieditoriais de evidente valor para a interpretación dos textos. O feito de que UC fose construída a partir do glosario (http://glossa.gal) fai que a consulta e intelixibilidade dos textos sexa facilitada polo paso automático entre texto e glosario, e viceversa.

A presentación das cantigas baséase nunha edición crítica feita directamente a partir dos manuscritos, cunha concepción global do corpus que permite superar as edicións históricas de xénero (realizadas sucesivamente por Carolina Michaëlis de Vasconcelos, José Joaquim Nunes, Manuel Rodrigues Lapa. Graça Videira Lopes e Rip Cohen) ou as edicións por cancioneiro de trobador existentes

No futuro Universo Cantigas, ademais, permitirá ampliacións sucesivas á restante produción medieval, sendo de especial interese completar a produción poética coa lírica relixiosa (Cantigas de Santa Maria).

Outra información de interese

Universo Cantigas, con finalización prevista en 2025, é a culminación do traballo iniciado en 2010 coa elaboración do Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa (dispoñíbel en http://glossa.gal, agora tamén integrado na nova plataforma http://universocantigas.gal)

O proxecto global está sendo realizado ao abeiro do proxecto de investigación Glosario crítico da poesía medieval galego-portuguesa, con tres fases xa finalizadas: I. Cantigas de amor e cantigas de amigo (cód. FFI2009-08917; II. Cantigas de escarnio e de maldizer (cód. FFI2012-32801; III. Edición crítica dixital das cantigas de amor (cód. FFI2015-63523-P), financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad. No período 2019-2022 serán editadas as cantigas de amigo, e, finalmente, as cantigas de escarnio e de maldizer en 2023-2025.

Aplicacións por sector

As cantigas constitúen a mostra literaria máis antiga e máis brillante producida na Galiza, que coloca o noso país como un foco dunha produción cultural desde a Idade Media que resulta de grande relevancia para a cultura occidental en xeral, e para os países de linguas románicas, en particular.

Sendo, por tanto, un patrimonio cultural de altísimo interese, permite un aproveitamento por parte das institucións galegas (gobernamentais, culturais…), que pode adquirir grande transcendencia, por canto as cantigas contribúen ao ‘mapa’ dunha identidade galega que se consolida, transforma e actualiza constantemente.

Por outra parte, esta produción cultural recollida no Universo Cantigas ben pode ser obxecto de múltiplas iniciativas ligadas ao mundo do ensino, xa que as cantigas forman parte do currículo escolar galego.

Finalmente, e para alén das empresas editoriais ligadas ao ensino e ao mundo da cultura en xeral, os trobadores e a súa produción permiten diversas actuacións no ámbito ligado ao turismo, xa que permitirían, por exemplo, trazar roteiros turísticos por todo o territorio galego e contribuír, desde xeito, á intensificación do turismo cultural no noso país.


Cultura e educación

Grupo de investigación

    • Investigación Lingüística e Literaria Galega
    • (ILLA)
    • Universidade de Vigo
    • Universidade de Santiago de Compostela

Responsable

  • Manuel Ferreiro Fernández
  • Xosé Ramón Freixeiro Mato
  • Xosé Manuel Sánchez Rei
  • Leticia Eirín García
  • Estefanía Mosquera Castro
  • Xosé Bieito Arias Freixedo
  • Mariña Arbor Aldea

Contacta con nós

Última actualización

2019-06-20